martes, 24 de abril de 2012

23 DE ABRIL: DIA DO LIBRO


                                                  

Agradecemos a Agustín Fernández Paz o seu texto, “Os ríos da vida”, un agasallo para as Bibliotecas Escolares de Galicia no Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor / 2012

OS RÍOS DA VIDA

Din que todas as persoas necesitamos
as historias, tanto coma a auga que
bebemos, tanto coma o pan de cada
día. Que sorte, que sexan tan doadas
de conseguir! Só hai que abrir un libro
e deixarse arrastrar polo río das
palabras, esas que fan nacer dentro
de nós outros mundos e outras vidas.
Semella cousa de maxia que os libros
garden tantas marabillas no seu
interior: a emoción do inesquecible
primeiro bico; a voz pausada e sabia
do ancián da tribo; as conversas das
mulleres que traballan arreo nos arrozais
do delta do Mekong; os andares
pousóns dos camelos, a avanzaren
coa caravana polas areas do deserto;
o espanto ante os perigos que a escuridade
agocha, nun bosque inmenso
ou no corredor da nosa casa; a soidade
e as dúbidas de cando temos
quince anos; as vidas de hai mil anos,
cando o mundo era doutro xeito; ou
as de dentro de mil anos, nun planeta
que agoniza; a fascinación polas estrelas,
que nos envían a súa luz desde
os abismos do espazo-tempo; o desespero
de sentirse só entre ríos de
xente; o nacemento dunha persoa, a
morte doutra; os seres máxicos e os
deuses terribles…
Abrir un libro e deixarse levar pola
fervenza de voces, de linguas, de recendos,
de paisaxes… Unha maxia
secreta e inesgotable, que a nós nos
corresponde descubrir.   
                                        
                                   AGUSTIN FERNANDEZ PAZ