xoves, 25 de marzo de 2021

LECTURAS COMPARTIDAS

Aínda que temos moitas ganas de facelo, este ano non podemos xuntarnos para compartir lecturas e libros. Así que os padriños e madriñas lectoras do cole decidiron gravar uns poemas para todos os seus afillados e afilladas, así podedes celebrar xuntos o Día Mundial da Poesía.

Preme na seguinte imaxe para ver os vídeos. 

Esperamos que vos gusten!!! 

domingo, 21 de marzo de 2021

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

O día 21 de marzo celébrase o Dia Mundial da Poesía. 

Coa poesía podemos expresar e comunicar cousas de maneira diferente, fomentando así a diversidade creativa e reflexionando sobre a maneira na que usamos as palabras.

A poesía sérvenos de vehículo para transmitir as nosas emocións e sentimentos, dunha forma orixinal e divertida.

Aquí tes uns recitados dialogados, atréveste a xogar? 


No seguinte vídeo podes ver a Martiño, que nos recita uns poemas do poemario "Vento, ventiño, venteiro", de Antonio García Teijeiro


E como coa poesía tamén se pode crear música... aquí tedes Lingua Guapa. Cantos que contan.
É un conxunto de traballos audiovisuais compostos a partir de poemas e textos da escritora Fina Casalderrey, musicalizados por Néstor Blanco.

sábado, 20 de marzo de 2021

DÍA DA NARRACIÓN ORAL

Hoxe, 20 de marzo, conmemoramos o Día Internacional da Narración Oral para poñer en valor a arte da narración oral, dos contacontos.

Aquí tedes o conto de Frederick, de Leo Lionni, mirade que ben contado!!!

venres, 12 de marzo de 2021

RECOMENDACIÓNS LECTORAS

Leo está feliz pola recomendación de hoxe. 

Sofía, de 5º de EP, quere compartir con todos e todas nós o que aprendeu con este último libro que acaba de ler:

A IMPORTANCIA DE CONTAR SEMPRE A VERDADE

O título do libro é O traxe novo do rei e o seu autor chámase Xosé Antonio Ballesteros Rey.

Escoitádea con atención, seguro que vos encanta!

Sofía, moitas grazas por compartilo con nós!

martes, 9 de marzo de 2021

MENUDA SORPRESA!!!

Hoxe Leo está que non cabe de contento. No buzón do cole, baixo unha chea de papeis, atopou un paquete acolchadiño que tiña isto escrito...


Que nervios!!!... e o que custou abrilo...


Que sorte!!!! Ramón Caride envíanos o seu libro Andanzas de Xan Farrapeiro. Aquí tedes as fermosas verbas que nos adica. Non tardedes en pasar pola biblio para collelo prestado!


Moitísimas grazas de novo, Ramón! Cando todo este roio do virus pase, encantaríanos invitarte á nosa biblioteca e coñecer mellor o teu traballo. Unha aperta forte dos nenos e nenas do cole de Tebra!


Se queres volver a ver o vídeo que  nos enviou Ramón Caride fai unhas semanas, preme na imaxe.


luns, 8 de marzo de 2021

FELIZ DÍA DA MULLER

SUPER LOLA

A protagonista deste conto é VALENTE, DIVERTIDA, LISTA, DECIDIDA e FORTE. E de maior quere ser unha SUPERHEROÍNA.

Lola soña cun mundo mellor no que todas as nenas e nenos se sintan libres para facer o que queiran.

Ten unha capa máxica coa que practica para ser cada vez máis forte e poder SALVAR AO MUNDO.

                                    AXUDÁMOSLLE???


SUPER LOLA: CONTO E GUÍA DIDÁCTICA
Super Lola: conto e guía didáctica (Otero Gutiérrez, Gema)

domingo, 7 de marzo de 2021

SEMANA DA PRENSA

Estamos na semana da prensa, e Leo sabe o importante e necesario que é estar informados e coñecer as novas de actualidade que ocorren na nosa contorna. 

Por iso quere compartir con vós as webs dalgúns diarios dixitais nos que poderedes ler moitas e moi interesantes noticias, só tedes que premer nas imaxes para acceder.

Se coñeces algún máis que non estea aquí e creas que debería estar, non dubides en comunicarllo á profe para que llo faga saber a Leo. Estará encantado de engadilo!!!

                                

                                                                                                                                             

                                                          

venres, 5 de marzo de 2021

LOITAMOS POLA IGUALDADE

Cres que a representación da muller nos diferentes ámbitos da vida é a mesma que a dos homes?

Fíxate nas seguintes imaxes relacionadas co papel da muller no cine e nas artes culinarias, hai algo que chame a túa atención? Cres que a representación dos homes e a das mulleres é a mesma?

Se premes no seguinte enlace poderás ver algúns dos resultados obtidos da loita das mulleres, a través da historia, por conseguir a igualdade.

A REPRESENTACIÓN DAS MULLERES NA SOCIEDADE

Son moitos os logros acadados, pero aínda nos quedan obstáculos que saltar. Se te fixas, son moitos os cambios que houbo ao longo dos últimos anos. Queda menos por chegar á meta, pero temos que seguir loitando pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres.

Se premes na seguinte imaxe accederás a un vídeo feito con imaxes das Olimpiadas de 1964 que amosa a loita das mulleres por conseguir a igualdade ao longo da historia.

xoves, 4 de marzo de 2021

ESCAPE ROOM VIRTUAL

ATOPA O ANTÍDOTO CONTRA A DESIGUALDADE

Hoxe compartimos con vós un Escape room virtual que publicou a fiestra da mestra no seu blog para que poñades a proba algúns dos vosos coñecementos en relación coa conmemoración do próximo luns (Día Internacional da Muller).

O obxectivo é que superedes unhas probas para conseguir descifrar o código segredo que abre o candado final. Cando o logredes obteredes o antídoto contra a desigualdade. 

Se hai algunha cousa que non saibades podedes botar man das ferramentas que tedes e buscar a información que precisedes.

Podedes xogar por grupos, individualmente ou toda a clase xunta. Escollades a forma que escollades, seguro que o pasades xenial!!!

Preme na seguinte imaxe para ir ao Escape room virtual.

Patricia Sánchez Lamas (www.afiestradamestra.gal)

mércores, 3 de marzo de 2021

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O lema escollido pola ONU para o Día Internacional da Muller deste ano é: "Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19"

    Credit: UN Women/Yihui Yuan.
  
O futuro é mellor con mulleres en todas as mesas nas que se toman decisións. A contribución que poden facer as mulleres ao liderado é fundamental en todos os sectores, comunidades e sociedades. A diversidade no liderado beneficia a todo o mundo, tanto no ámbito político, como no empresarial, o deporte, as disciplinas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas) ou a agricultura.

As mulleres que lideran o mundo inspiran ás mulleres e nenas de todos os ámbitos da sociedade a loitar polos seus soños. Desafían os estereotipos sexistas e cambian actitudes sobre os roles de xénero. 

Loitar pola igualdade e a inclusión das mulleres é responsabilidade de todos e todas!

RECLAMEMOS O ESPAZO DAS MULLERES NO LIDERADO

    https://www.unwomen.org/es
  
Aquí tedes o conto dunha Cincenta moderna que traballa na busca dunha cura para o virus que ten o seu pai. Seguro que vos gusta!

CINCENTA MODERNA