venres, 28 de febreiro de 2020

Premios Certame Rosalía de Castro

Durante a xornada de hoxe, na sesión de lectura, tivo lugar a entrega de premios ás gañadoras e gañadores do Certame Rosalía de Castro.  

Foi un momento moi importante para nós, xa que tivemos a oportunidade de ver as obras que realizaron os/as nosos/as compañeiras/os. 

Ademais, toda aquela persoa que participou tamén levou un agasaio en agradecemento da súa colaboración. 

Para ver as fotos, clicade neste link
                                ↓↓↓

Moitas gracias pola vosa participación!! 

Por último, o equipo de BibliTebra quere recordarvos que tendes ata o próximo venres 6 de marzo para participar no Reto Científico III. Animádevos! Xa podedes ver que este equipo nunca defrauda! 

luns, 24 de febreiro de 2020

24 de febreiro, día de Rosalía

Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,

mórrome de soidades.

Cando vos oio tocar,

campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.


Cando de lonxe vos oio,

penso que por min chamades
e das entrañas me doio.


Dóiome de dór ferida,

que antes tiña vida enteira
e hoxe teño media vida.

Só media me deixaron

os que de aló me trouxeron,
os que de aló me roubaron.


Non me roubaron, traidores,

¡ai!, uns amores toliños,
¡ai!, uns toliños amores.


Que os amores xa fuxiron,

as soidades viñeron...
De pena me consumiron.


Campanas de Bastabales,

cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

(foto wikipedia)

O día 24 de febreiro conmemórase o día de Rosalía de Castro. 

Nada en Santiago de Compostela e residente en Padrón foi a primeira muller en defender a súa lingua materna, a lingua galega. Por aquela entonces, Galicia vivía unha época onde falar galego era penado. Ela, que nunca renegou do seu, decidiu escribir na lingua que amaba, a pesar do que eso supoña. 

Foi así, como o 17 de maio de 1863 publica a súa primeira obra, "Cantares gallegos" , obra onde se desenvolven diversos temas que reflexan a sociedade rural onde ela e vivía. 

Se inda non coñeces ningún poema dela, a que esperas? A súa memoria, precisa manterse viva. 




venres, 21 de febreiro de 2020

Reto III

Entroido, antroido, entruido, entrudo, entrudio e carnaval.
As e os galegos/as temos ata seis formas diferentes para referirnos á mesma palabra : o entroido. 



Hoxe acabamos de celebrar no noso cole unha das festas máis importantes da cultura galega. Inda que orixinalmente esta festividade se celebraba nunhas datas coas que se correspondían nos días anteriores ao inicio da Cuaresma ( festividade relixiosa), actualmente extendeuse a datas anteriores e posteriores do mércores de cinza ( marcado no calendario cristán), podendo chegar incluso a durar a festidade todo o mes de febreiro.


Calquera pode celebrar o entroido, pero hai que lembrar que o requisito para poder participar é estar disfrazado/a!!! 


Falando de cultura galega, nestes días de festa e de tradición de comidas e folclore non é raro ver ás familias e ás amizades disputándose un partido para poder botarse unhas risas e... No caso de chover, podemos entreternos xogando a.... O futbolín!!!





O reto científico III desta quincena vai sobre o futbolín. Para poder pasalo con éxito, debedes ser quén de contestar ás seguintes preguntas:

→ Quen e por qué se inventou o futbolín?
→Que grupo galego compuxo a "Oda ao futbolín"?

Agora, que xa descubríchedes algo máis sobre pasatempos, lembrade deixar a vosa cuartilla (debidamente elaborada) no
Buzón enigmático. Tedes ata o 6 de marzo para responder. Bulide!!! Ao mellor, inda lle botamos unhas partidiñas 😉

Gozade destas mini vacacións e..... vémonos o xoves 27 con máis ganas!!!

Feliz entroido!

venres, 14 de febreiro de 2020

Aviso a investigadores e investigadoras

O equipo de biblioTebra quere informarvos de que, dado a fantástica climatoloxía que temos en Galicia e porén, todo o que elo acarrexa, decidiuse que a participación nos retos sexa de forma quincenal para poder utilizar as instalacións da nosa biblio.

Deste xeito, hai 15 días para deixar as vosas participacións no BUZÓN ENIGMÁTICO, quedando a data límite para participar neste RETO II ata o venres 21  de febreiro, día no que se publicará o RETO III.

Así mesmo, tamén vos queremos animar a que participedes TODAS e TODOS. Os retos son moi sinxelos, a participación non supón moito traballo e.... o equipo de biblioTebra nunca defrauda ☺😉

Por outro lado, recordarvos que durante a xornada de hoxe se celebrou a festividade de San Valentín ou día dos namorados/namoradas. Inda que, nun principio, esta festividade comezou co cristianismo para conmemorar o amor que ofertaba o San Valentín o certo é que se instaurou na nosa cultura como unha tradición.

A tradición fai que neste día se celebre o amor que nos une ás persoas que máis queremos ( nais, pais, namoradas, namorados, avóas...). A nós, non se nos ocurre mellor regalo que unha boa lectura na compaña dos/das que máis queremos. Nos vos parece?



Feliz día! Que o amor sexa o vínculo de unión máis grande ❤❤💖



mércores, 12 de febreiro de 2020

SOLUCIÓN RETO CIENTÍFICO I

De seguro que os nervios invaden o teu corpo querendo saber si acertaches ou non ao primeiro reto científico que se propuxo. 
Para que poidas saír de dúbidas e durmir con tranquilidade, velaquí van as respostas: 


QUÉN INVENTOU O CARAMELO CON PAU? 
O caramelo con pau foi inventado por un rapaz , ENRIC BERNAT, nacido en Murcia e residente en Barcelona. 

POR QUÉ SE INVENTOU O CARAMELO CON PAU? 
Conta a lenda que despois de observar como os nenos e nenas de menor idade se lixaban e se pringaban as mans e a roupa por comer os caramelos ( o seu grande tamaño non permitía collerlle na boca aos cativos/as) a Enric ocurríuselle a brillante idea de engadirlle un pau para poder metelo e sacalo da boca cando a estes/as lle apetecese. 

Agora, que xa coñeces un chisco mais sobre estes caramelos, non che parece curioso como xurden as cousas? 

Lembrade que este venres día 14 de febreiro remata o Reto Científico II.
 Corre! a que estás esperando para averiguar?  

AVISO: TODOS OS PAPELES QUE SE DEPOSITEN NO BUZÓN ENIGMÁTICO COAS RESPOSTAS DE CADA UN DOS RETOS DEBERÁN LEVAR O NOME. 

martes, 11 de febreiro de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

Que son os días internacionais? 
Os días internacionais dannos a oportunidade de sensibilizar ao mundo sobre algúns temas de interese (dereitos humanos, desenvolvemento sostible...) e de chamar a atención dando a coñecer problemas AÍNDA sen resolver. 


(foto de intet

Hoxe, 11 de FEBREIRO conmemórase o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA. 

Esta conmemoración nace no 2016, por parte da Asamblea Xeral das Nacións Unidas, co fin de lograr o acceso e a participación plena e EQUITATIVA da muller e das nenas, logrando así a igualdade de xénero  e o empoderamento das mulleres e das nenas neste eixe. 

Dende o equipo de BiblioTebra queremos resaltar a importancia de conmemorar este día e, ademais das actividades que se puideron realizar dende as aulas, queremos adicarlle un espazo no noso blogue visibilizándoo  para que, nun tempo non moi futuro, haxa máis mulleres e nenas científicas sendo un mero recordo de como o conseguimos. 

FELIZ DÍA MULLERES E NENAS NA CIENCIA! 

venres, 7 de febreiro de 2020

RETO CIENTÍFICO 2

Benvidos/as de novo ao concurso CIENTÍFICO!
Agora que se aproxima o entroido queremos ter os mellores disfraces para que a xente non nos recoñeza pero  tampouco que pasemos desapercibidos. Para iso, estas semanas as aulas estanse convertendo en verdadeiros obradoiros de arte: ideas a esgalla, cartolinas de diversas cores, tesoiras e recortes de papel por todas as esquinas, pinturas de varios tipos e..... PINCEIS!



O noso RETO CIENTÍFICO 2 vai destinado aos pinceis que tanto vos gustan, por iso, para lograr superar este reto, teredes que dar resposta ás seguintes preguntas:

➥ COMO XURDIU A IDEA DO PINCEL?
➥ DE QUE ESTABAN FEITOS OS PRIMEIROS PINCEIS?


Para os /as máis despistados/as, deixámosvos unha mostra da cuartilla que debedes utilizar para dar resposta ás preguntas. Coidade a letra, a limpeza,  a presentación e... olliño con facer trampa!


LEMBRA: Este  RETO CIENTÍFICO 2 poderase contestar ata o vindeiro venres 14 de febreiro. As respostas, debedes deixalas no BUZÓN ENIGMÁTICO que está situado na porta da entrada do centro, no recuncho de biblioteca.

mércores, 5 de febreiro de 2020

Certame vídeos de poesía: ROSALÍA DE CASTRO

Sempre soñastes con ser famoso /a e non sabes como logralo? Algunha vez quixestes formar parte dos concursos de cantantes que ves polo televisor e non sabías como podías chegar a conseguilo? Pois NON esperes máis! Aquí tes a  oportunidade  de ir practicando e... que mellor maneira de practicar  que lembrando a Rosalía de Castro?! 
Por iso, dende equipo de biblioTebra querémosvos recordar que inda estades a tempo de participar no certame de poesía Rosalía de Castro.

(imaxe de wikipedia )


Que tes que facer para participar? Moi sinxelo, presta atención 👇👇👀

As Bases para o certame son as seguintes:
  • Ten que ser en GALEGO.
  • Poden participar membros da unidade familiar: pais/nais, avós/avoas e fillos/fillas.
  • Premiarase a musicalidade, orixinalidade e acento poético.
  • A grabación será en horizontal (apaisado)
  • A entrega farase nun pincho (USB).
  • O xurado estará formado polas 5 mestras que forman parte do equipo da Biblioteca.
  • A entrega de premios levarase a cabo o 28 de Febreiro na hora lectora.
  • Contaremos con 3 premios para toda a familia.
  • Data límite de entrega será o 10 de Febreiro.
Quedamos á espera dos vosos vídeos.

Aproveitamos a ocasión para lembrarvos que este venres 7 de febreiro remata o prazo para participar no RETO CIENTÍFICO 1 asique bulide, aproveitade o bo tempo e... A INDAGAR!!!!