martes, 24 de abril de 2012

23 DE ABRIL: DIA DO LIBRO


                                                  

Agradecemos a Agustín Fernández Paz o seu texto, “Os ríos da vida”, un agasallo para as Bibliotecas Escolares de Galicia no Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor / 2012

OS RÍOS DA VIDA

Din que todas as persoas necesitamos
as historias, tanto coma a auga que
bebemos, tanto coma o pan de cada
día. Que sorte, que sexan tan doadas
de conseguir! Só hai que abrir un libro
e deixarse arrastrar polo río das
palabras, esas que fan nacer dentro
de nós outros mundos e outras vidas.
Semella cousa de maxia que os libros
garden tantas marabillas no seu
interior: a emoción do inesquecible
primeiro bico; a voz pausada e sabia
do ancián da tribo; as conversas das
mulleres que traballan arreo nos arrozais
do delta do Mekong; os andares
pousóns dos camelos, a avanzaren
coa caravana polas areas do deserto;
o espanto ante os perigos que a escuridade
agocha, nun bosque inmenso
ou no corredor da nosa casa; a soidade
e as dúbidas de cando temos
quince anos; as vidas de hai mil anos,
cando o mundo era doutro xeito; ou
as de dentro de mil anos, nun planeta
que agoniza; a fascinación polas estrelas,
que nos envían a súa luz desde
os abismos do espazo-tempo; o desespero
de sentirse só entre ríos de
xente; o nacemento dunha persoa, a
morte doutra; os seres máxicos e os
deuses terribles…
Abrir un libro e deixarse levar pola
fervenza de voces, de linguas, de recendos,
de paisaxes… Unha maxia
secreta e inesgotable, que a nós nos
corresponde descubrir.   
                                        
                                   AGUSTIN FERNANDEZ PAZ  

luns, 21 de novembro de 2011

AS MALETAS VIAXEIRAS VAN DE VIAXE!

Un ano máis, as maletas viaxeiras da biblioteca da nosa escola,foron de viaxe ata as casas dos nosos alumnos e alumnas para compartir coas súas familias contos,revistas e unha divertida película.
Os nenos e nenas de cada aula tiveron que superar diversas probas para poder conseguila:trabalinguas,adiviñas,atopar pezas dun puzzle polos distintos recunchos da biblioteca seguindo ás pistas que se daban...
Foi moi divertido!

venres, 23 de setembro de 2011

XA CHEGOU O OUTONO!

Que mellor maneira de recibir ó outono que cun conto musical!
Trátase dun conto de Eva Alonso baseado no terceiro movemento de
" El otoño" de Vivaldi.A través das súas ilustracións e a narración imos coñecer algunhas características do outono e o cambio que produce no entorno.